Monday 13 de May de 2024

Fene fai un balance “moi positivo” do Entroido 2018


Pasados xa os días centrais do Entroido, o goberno local de Fene cualifica como “un éxito” o resultado da edición deste ano, tanto pola alta participación nos actos do martes e do mércores como nas actividades paralelas organizadas pola área de Cultura para o público infantil. O executivo presidido por Juventino Trigo destaca a “excelente nivel organizativo”, saíndo deste xeito ao paso das críticas vertidas publicamente por Somos Fene e pola Asociación Cultural O Tadetas, nas que acusan ao Concello de “privatizar” a celebración do Entroido e de “recortar” as partidas destinadas a esta festa tradicional.

O alcalde achegou algúns datos sobre o balance da programación apuntando que “un dos grandes acertos” foi o traslado da verbena do Mércores de Cinza -festivo local- á noite do Martes de Entroido, empatándoa á súa vez coa festa infantil que se celebrou desde media tarde na praza do Alcalde Ramón Souto González. “Foi unha boa decisión que a hostalaría agradeceu e que tamén se notou na asistencia de público. A idea é repetir o mesmo esquema para o ano, alongando incluso a actuación musical polo menos unha hora máis”.

O rexedor indicou que durante a festa da tarde para a rapazada se repartiron “500 racións de lambetadas que cubriron toda a demanda” e que, ademais, tamén se completaron as prazas ofertadas nos obradoiros infantís, un organizado o luns co tema principal da “Cociña entroideira” e outro o propio Martes de Entroido centrado na confección de disfraces.

Desde o goberno local destácase “o excelente nivel organizativo” e o “éxito” co que se desenvolveu “malia o mal tempo” o desfile de comparsas do mércores, no que participaron un total de 14 formacións “que se inscribiron no prazo regulamentario marcado nas bases” ademais de numerosas máscaras individuais e en pequenos grupos. A este respecto, o alcalde comenta que este ano se destinaron 6.500 euros a promocionar a participación de comparsas “verdadeira alma do Entroido fenés” e que esta cantidade “é a mesma que o ano pasado e 2.000 euros maior que en 2015 cando, por certo, o Concello non organizaba ningún tipo de actividade paralela”.

Juventino Trigo quixo trasladarlle os parabéns ao persoal municipal “pola programación deseñada” e tamén á empresa Mayevents -adxudicataria da súa execución por un importe de 17.700 euros máis ive- xa que, en palabras de Trigo, a firma elixida entre as 12 ofertas presentadas “fixo un traballo absolutamente profesional, cumprindo fielmente coas prescricións técnicas e co programa e ofrecendo as garantías en canto a seguridade e organización que cabe esperar en eventos deste tipo”. Por outra banda, desde o goberno local tamén se sinala que a contratación global de todas as actividades deseñadas por Cultura “facilita a xestión, afórralle cartos ao contribuínte e, tal e como se viu, cun resultado moi positivo en todos os aspectos”.

O mandatario local lamentou as declaracións de Somos Fene nas que, segundo publica a prensa, se acusa ao actual goberno de “privatizar” o Entroido e de prescindir dos servizos da Asociación Cultural “O Tadetas”. Trigo rexeita as acusacións lembrando que toda a programación “xestouse na área de Cultura e executouse baixo a súa supervisión técnica”, ao tempo que aclarou que a AC “O Tadetas” colaborou en anteriores ocasións na organización do Entroido e das cabalgatas de Reis “cobrando polos seus servizos”.

Trigo laiouse tamén de que esta asociación “suxira” que o actual goberno “non conta co tecido asociativo para o Entroido”. O alcalde asegurou que “por sorte”, o carnaval fenés “goza de boa saúde gracias ás entidades que o animan coas súas comparsas ou que mobilizan xente para que a tradición non vaia a menos. O Entroido non é patrimonio de ninguén, nin dunha entidade en particular nin tampouco do Concello, que ten o deber de fomentar a súa preservación destinando para iso recursos económicos e humanos que cumpran con ese obxectivo”.